Os cregos na cultura popular galega

De Desgalipedia
O artigo principal desta categoría é: Sacerdote

Os cregos, curas ou abades, na cultura popular galega, deron pé a abundante fraseoloxía impregnada, en boa parte dos casos, de certa retranca crítica e burlona en relación co seu comportamento sexual e a súa afección á boa mesa. En moitos casos, esa literatura popular nace dun mal disimulado anticlericalismo.

Refraneiro[editar]

O crego coa súa criada.
  • A crego novo, sancristán vello.
  • A facenda do crego, dalla Deus e cómenlla os herdeiros(o fillo tido en concubinato,ou os sobriños).
  • A mal abade, mal sancristán.
  • A ruín abade, ruín monaguillo.
  • Abade de aldea, moito canta e pouco medra.
  • Abade de bamba, o que non pode comer daio pola súa alma [1].
  • Abade de moita bamba, que di que non come e ben que se farta.
  • Abade que comeu da ola, inda ás veces quer da cazola.
Abade que foi monaguillo, ben sabe quen bebe o viño.
  • Abade que foi monaguillo, ben sabe quen bebe o viño.
  • Como canta o abade respóndelle o sancristán.
  • Con abades non rifedes nin vos metades.
  • Con abades, nunca preitos teñades(porque teñen contactos nos tribunais e na policía).
  • Crego moi predicadeiro, non é o máis esmoleiro.
  • Crego viaxeiro, nin mísere, nin miseiro.
  • Cregos e frades e mouros, quen viu un viunos todos.
  • Cregos, frades, curuxas e choias, dou ó diaño esas catro xoias.
  • Cregos, frades, pegas e choias, dou ó demo istas catro xoias
  • De crego a frade non hai máis que votos.
  • Dispois que os cregos xantan, culleres sobran.
  • En cas do abade, comer e levare.
  • Na casa do abade, comede e levade.
  • Na casa do cura sempre hai fartura.
  • Na casa do señor cura, cando non chove barruza [2].
  • Non se acorda o señor cura de cando foi sancristán.
  • O abade de aldea, se ben xanta millor cea.
  • O abade do que canta, xanta.
  • Ó abade e ó xudío, dalles un ovo e pedirancho fritido.
  • Ó abade moi falangueiro, gústalle andar polo rueiro.
  • Ó abade roupa nova e por limpar.
  • Ó abade vello, polos e coello.
  • O abade, onde canta é onde xanta.
  • O crego e mais o raposo, se perden a mañá, perden o día todo.
  • O cura nunca fai veciño.
  • O que é bo abade, fai bo do mal sancristán.
  • O que o cura ten de delgado, teno de gordo o beneficiado
  • Ó teu abade dille sempre a verdade.
  • Onde canta un crego e ornea un burro, alí nunca falta un peso duro.
  • Onde hai un crego enriba de albarda, sempre hai hora millorada.
  • Onde o crego canta, alí xanta
  • Se ben canta o abade, nono fai mal o monaguillo.
  • Tal o abade, tal ás veces o sancristán.

Cantigueiro[editar]

Típico crego do Opus.
  • Ai, pimpín, saralelo,/ ai lelelo,/ a criada do cura/ ten un neno,/ ten un neno/ pequeniño/ que de nome lle chaman/ Manoeliño.
  • Cando a lebre diga misa/ e o coello seia abade,/ deixarei o meu querer/ por coller a túa amistade.
  • ¡Canto limón pola tina,/ canto limón pola eira!/ Cantas fillas de María/ ten o cura de Palmeira.
  • ¡Canto limón pola tina,/ canto limón polo chan!/ Cantas fillas de María/ ten o noso capellán.
  • Eu ben vin estar o crego/ tendendo nos cueiriños,/ dixen para Dios e min:/ Este crego ten meniños.
  • O crego cando vai fóra/ déixalle dito á criada:/ Veña tarde, veña cedo,/ déitate na miña cama.
  • O crego da miña aldea/ ten as cirolas rachadas/ que llas rachou a silveira/ por correr tras das criadas.
  • O crego de Escravitude/ leva a criada na burra,/ na primeira carballeira/ dálle unha sacudidura.
  • O crego e maila criada/ botaron o pan no forno,/ e os pequenos lles dicían/ nanai, teta, papai, bolo.
  • O crego foi ó muíño/ meteu a cabeza dentro,/ trouxo fariña na croa/ para facer o formento.
  • O crego foi ó muíño/ co cenico na cabeza,/ escorréronlle as chinelas,/ alá vai de cu na presa. [3]
  • O crego que che casou/ debía de estar borracho/ porque non che preguntou/ se eras femia ou eras macho.
  • O cura chamoume rosa/ eu tamén lle respondín:/ destas rosas, señor cura,/ non as hai no seu xardín.
  • O cura de San Martiño/ éche moi bo confesor,/ que confesou á criada/ debaixo do cobertor.
  • O cura e maila criada/ ordenaron de cocer,/ tiñan a leña no monte/ e a fariña por moer.
  • O señor cura de Boiro/ ten a camisa rachada./ Viva o noso de Cespón/ que ten nove na colada. [4]
  • O señor cura non baila/ porque di que ten coroa,/ baile, señor cura, baile,/ que Dios eso llo perdona.
  • Señor cura, señor cura,/ inda se lle tolla,/ inda se lle pudra;/ eu teño entendido/ a botonadura/ do seu calzoncillo.
  • Señor San Bartolomeu/ feito de pau de laranxo/ quen che mandou dar pintura/ foi o cura de Rianxo. [5]
  • Señor San Bartolomeu/ feito de pau de sanguiño/ líbrame, santo bendito/ do lobo de Rianxiño. [6]

Notas[editar]

  1. Ter (moita) bamba é vivir con ostentación, máis aparente que real.
  2. Barruzar é caer unha chuvia miúda pero constante.
  3. O cenico é un “saco pequeño, un saquete ou bolsa grande.
  4. Cespón é parroquia de Boiro.
  5. Refírese a unha capela dedicada a este santo, nuns cons de Rianxo.
  6. Rianxiño é un lugar da parroquia de Santa Comba de Rianxo .

Véxase tamén[editar]